Muralla Dixital é un proxecto que ten como obxectivo principal a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e Norte de Portugal que apostan pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico-arqueolóxico a través de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP)

Neste proxecto organizáronse catro obradoiros que estiveron dotados con 32 bolsas remuneradas. Os obradoiros trataban sobre dixitalización do Patrimonio Documental Lucense, dixitalización 3D do Patrimonio histórico-arqueolóxico lucense, fotografía dixital Panorámica 360º do Patrimonio Histórico-arqueolóxico lucense e modelado e animación 3D do Patrimonio Histórico-Arqueolóxico lucense.

Con este proxecto o Concello de Lugo fixo unha nova aposta pola recuperación do noso patrimonio, ó tempo que contribuiu a mellorar a formación dos titulados universitarios e de formación profesional.

Os contidos dos obradoiros xiraron en torno á dixitalización do patrimonio histórico-arqueolóxico da cidade de Lugo, con especial incidencia sobre a Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade, utilizando para iso as novas tecnoloxías da información e da comunicación. Tiveron un claro compoñente práctico, xa que aínda que existiu unha pequena parte teórica, a parte fundamental xirou en torno á aprendizaxe no manexo de diferentes ferramentas tecnolóxicas de rexistro, documentación e difusión do propio patrimonio histórico-arqueolóxico lucense. Desta maneira, permitiuse xerar unha serie de produtos de difusión cultural relacionados coa historia da cidade de Lugo que serán incorporados aos diferentes produtos tecnolóxicos que se xeren dentro do proxecto Muralla Dixital.

O partenariado do proxecto estivo formado polos seguintes socios: Concello de Lugo (beneficiario principal), Universidade de Santiago de Compostela, Ineo, Asociación Multisectorial de Nuevas Tecnologías de Información y Comunicación, Centro de Computação Gráfica Azurém. Câmara Municipal de Valença. Câmara Municipal de Monção e a Câmara Municipal de Melgaço.

Esta acción formativa foi dirixida a mozos/as de entre 18 e 35 anos, en situación de desemprego e en posesión do título universitario en Humanidades, Historia, Historia da Arte e Belas Artes, ou ben en posesión do título de grao superior de formación profesional de imaxe e son ou de deseño gráfico. Desenvolvéronse 4 obradoiros, cunha duración de cinco meses e unha beca de 900 euros brutos ao mes e que contaron con oito participantes cada un.