EmpregaTIC


EmpregaTIC é un taller de emprego, dividido nas especialidades de Xestión de Márketing e Comunicación e Desenvolvemento de Produtos Multimedia Interactivos.

A iniciativa tivo como obxetivo abrir oportunidades laborais a 15 mozos e mozas lucenses menores de 30 anos no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Un director e dous profesores ocupáronse da formación aos alumnos-traballadores, que se repartirán en dous módulos: 8 en Xestión de Márketing e Comunicación e 7, en Desenvolvemento de Produtos Multimedia. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade.

Emprega TIC cumpriu un dobre obxectivo:

  • Mellorar as posibilidades de inserción laboral da mocidade, especialmente afectada polo paro, nun xacemento de emprego como son as novas tecnoloxías, sector que no 2013 deu traballo a preto de 1,6 millóns de persoas en España de forma directa e indirecta.
  • Poñer en valor o patrimonio documental, natural e histórico de Lugo.

O obradoiro serviu para pechar a cadea de valor xerada nos catro talleres de emprego anteriores que financiou a Xunta -Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs, Urbs Lvcvs e Cultur@Lvcvs-, culminando ese traballo de documentación, dixitalización e catalogación coa posta a disposición de todo o material a través das TICs e dos instrumentos de comunicación actuais á toda a cidadanía, turistas, investigadores, profesores ou estudantes.

A especialidade de Márketing traballou dende os primeiros días na análise de datos e a investigación sobre o uso das ferramentas de comunicación social, para chegar ao seu público obxectivo. Levaron a cabo análises da competencia e do mercado para completar un plan de márketing online e offline con propostas de promoción do traballo realizado.

Para lograr todo isto empregaron fontes de información primarias e secundarias, e ferramentas de monitorización que lles permitiron levar a cabo unha análise cuantitativa e cualitativa das conversacións en redes sociais por parte dos concellos cos seus cidadáns.

Este grupo de rapaces e rapazas, organizou ademais un evento pioneiro na cidade de Lugo que servirá para expoñer todo o traballo de dixitalización dos Obradoiros ata a actualidade que implicou adquirir coñecementos de organización de eventos, protocolo, calendarización de redes sociais, márketing de contidos, xestión de CMS, plans de comunicación e medios, coñecementos de SEO e marketing dixital, así como elaboración de contidos publipromocionais.

Por outra banda, a especialidade de Desenvolvemento de Produtos Multimedia Interactivos, centrouse na elaboración dunha aplicación web con planos e imaxes dos séculos XVIII, XIX e XX, ao que se poden acceder a través da web municipal, un libro no que se recollen imaxes pasadas e actuais de determinados lugares, de xeito que se poden apreciar os cambios experimentados, e tamén realizaron un documental de presentación dos obradoiros municipais. Todo o seu contido foi realizado pola especialidade de Márketing.