Os proxectos seleccionados para participar neste programa recibirán formación especializada, asesoramento técnico e apoio na procura de financiamento.
«Con esta adxudicación, damos un paso máis na consolidación de Lugo como un espazo de oportunidades para o emprendemento turístico”, subliñou o rexedor.
Fernández: “Será unha ferramenta clave para impulsar proxectos con alto potencial, favorecendo a creación de emprego e a diversificación do tecido empresarial da cidade”.
A iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino «…Et Edendo, Lucus», que conta cun financiamento de 2M procedentes dos fondos Next Generation.
O Executivo de Miguel Fernández vén de adxudicar a xestión da aceleradora TurisTalent 5.0 á empresa Dos Espacios Internet Consulting SL por un importe de 134.704,77 euros. O programa, impulsado dende a concellería de Dinamización Económica, busca dinamizar o emprendemento no sector turístico e enogastronómico mediante a formación, tutorización e mentorización de proxectos innovadores.
«Con esta adxudicación, damos un paso máis na consolidación de Lugo como un espazo de oportunidades para o emprendemento turístico. TurisTalent 5.0 será unha ferramenta clave para impulsar proxectos con alto potencial, favorecendo a creación de emprego e a diversificación do tecido empresarial da cidade», destacou o rexedor.
Fernández puxo en valor ademais a importancia do apoio institucional a este tipo de iniciativas: «Queremos que Lugo sexa un referente na innovación turística. O noso obxectivo é proporcionar as ferramentas necesarias para que os emprendedores poidan desenvolver proxectos sustentables e de calidade, baseados na nosa riqueza patrimonial e gastronómica».
O Concello recibiu seis ofertas para a xestión deste programa pioneiro. Estas propostas foron avaliadas por un comité de expertos mixto, integrado por técnicos de diferentes departamentos municipais e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que valoraron a idoneidade das candidaturas para impulsar esta iniciativa.
A aceleradora desenvolverase ao longo de nove meses, durante os cales os proxectos participantes recibirán formación especializada, asesoramento técnico e apoio na procura de financiamento. O programa inclúe diferentes fases, desde a captación e selección dos proxectos ata a súa presentación ante potenciais investidores nun Investors Day.
TurisTalent 5.0 terá a súa sede no edificio Impulso Verde, situado na Garaballa, un espazo que busca converterse nun referente para o ecosistema emprendedor lucense. «A nosa aposta por un modelo turístico sostible e diferenciado é firme e esta aceleradora será un motor fundamental para potenciar iniciativas de alto valor engadido», engadiu Fernández.
O rexedor tamén destacou o impacto positivo do programa: «TurisTalent 5.0 permitirá conectar os emprendedores con expertos do sector, garantindo un acompañamento continuo para que os seus proxectos se convertan en realidades empresariais viables. Ademais, esta aceleradora contribuirá a fortalecer a competitividade do sector turístico local, promovendo iniciativas que poidan atraer visitantes e dinamizar a economía de Lugo».
A aceleradora enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino «…Et Edendo, Lucus», que conta cun financiamento de 2 millóns de euros procedentes dos fondos europeos Next Generation. O obxectivo final desta iniciativa é promover un modelo turístico sostible e de calidade, baseado nos recursos endóxenos da cidade. Con esta iniciativa, o Executivo de Miguel Fernández reafirma o seu compromiso co emprendemento e coa xeración de novas oportunidades económicas para Lugo.