Trátase da iniciativa de inclusión socio-laboral “Tecer para Medrar” coa que colabora o goberno municipal cendendo un espazo no CEI-Nodus e neste viveiro no centro histórico.
O rexedor visitou ás integrantes do obradoiro de costura para coñecer de primeira man o proceso de elaboración das pezas e probar os traxes de castrexo e romano.
“Os traxes que se poden atopar neste espazo son froito do esforzo, da aprendizaxe e da ilusión de persoas que atoparon neste proxecto unha nova oportunidade”, apuntou.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, avanzou este mércores que xa está aberto ao público o local situado no viveiro empresarial da Tinería que o Concello cedeu á Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (FADAS) para a venda de vestimenta castrexa e romana elaborada polas participantes do taller de costura “Tecer para medrar”. Trátase dunha iniciativa de inclusión socio-laboral dirixida a persoas de colectivos vulnerables, que agora poden dar a coñecer e comercializar o seu traballo a pé de rúa no centro histórico da cidade, co apoio do goberno municipal.
O rexedor visitou recentemente ás integrantes do obradoiro de costura para coñecer de primeira man o proceso de elaboración das pezas e probar os traxes de castrexo e romano confeccionados para a súa participación na festa de recreación histórica, que se celebrará do 12 ao 15 de xuño.
Durante a visita, Fernández puxo en valor a colaboración do Goberno municipal con FADAS, subliñando “a importancia de apoiar proxectos que xeran oportunidades reais para persoas en situación de vulnerabilidade, ao tempo que poñen en valor o noso patrimonio e tradicións”.
Ademais, animou á cidadanía a achegarse ao novo local da Tinería para coñecer e adquirir as pezas únicas realizadas polas participantes do taller. “Os traxes que se poden atopar neste espazo son o froito do esforzo, da aprendizaxe e da ilusión dun grupo de persoas que atoparon neste proxecto unha nova oportunidade. Visitalo é tamén unha forma de apoiar a inclusión e o talento local”, concluíu.
O espazo permanecerá aberto ao público durante as vindeiras semanas, permitindo que lucenses e visitantes poidan preparar o seu vestiario para vivir con intensidade a festa de recreación histórica máis emblemática da cidade.