SEGITTUR avalía favorablemente o municipio lucense como destino turístico sostible, innovador e accesible tras completar o Diagnóstico DTI.
Este diagnóstico, baseado na análise de 261 indicadores e 97 requisitos, proporciona ao Concello unha folla de ruta para avanzar na implantación dun modelo turístico de futuro.
Miguel Fernández: “É unha mostra do bo traballo que estamos a facer para transformar Lugo nun destino máis intelixente, máis sostible e mellor preparado”.
O Concello de Lugo continúa avanzando na súa aposta por un modelo turístico sostible, innovador e accesible ao recibir o informe favorable de diagnóstico que o acredita como Destino Turístico Intelixente Adherido. Este recoñecemento chega tras a avaliación realizada pola Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), dependente da Secretaría de Estado de Turismo.
O diagnóstico, baseado na análise de 261 indicadores e 97 requisitos vinculados aos eixes de gobernanza, innovación, tecnoloxía, sostibilidade e accesibilidade, proporciona ao Concello unha folla de ruta clara para avanzar na implantación do modelo DTI. Lugo únese así a un selecto grupo de destinos turísticos que apostan por unha xestión moderna, transversal e baseada na mellora continua.
A visita técnica realizada pola delegación de SEGITTUR permitiu coñecer in situ os principais recursos turísticos do municipio e avaliar aspectos como a accesibilidade, a dixitalización e a sustentabilidade do destino. A colaboración entre as distintas áreas municipais e os axentes privados foi clave para completar con éxito esta fase de diagnóstico.
O rexedor, Miguel Fernández, destacou que “este recoñecemento é unha mostra do bo traballo que estamos a facer para transformar Lugo nun destino máis intelixente, máis sostible e mellor preparado para os retos do turismo do futuro”. Engadiu ademais que “o modelo DTI permítenos avanzar cara a unha xestión máis eficiente e participativa, que mellora a experiencia de quen nos visita e a calidade de vida de quen vive aquí”.
Fernández tamén subliñou que “Lugo está a dar pasos firmes para consolidarse como un referente no turismo sostible e de calidade. A nosa aposta pola innovación e a colaboración público-privada son claves para acadar este obxectivo”.
Lugo adheriuse en marzo de 2024 á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (Rede DTI), unha iniciativa promovida polo Goberno de España que conta xa con máis de 300 membros. Esta rede busca consolidar un novo modelo turístico baseado na innovación, a tecnoloxía, a accesibilidade e a gobernanza compartida, co obxectivo de facer do turismo unha actividade máis sostible e competitiva.
Plan de Sostibilidade Turística «Et edendo Lucus»
Paralelamente, o Concello de Lugo está a executar o Plan de Sostibilidade Turística en Destino «Et edendo Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía», financiado con 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation. Este plan contempla un total de 14 actuacións destinadas á posta en valor dos recursos e á creación de produtos turísticos arredor da enogastronomía lucense.
Entre as accións máis destacadas atópanse a creación dun centro de enogastronomía na Fábrica da Luz. Este espazo combinará a posta en valor do patrimonio industrial con propostas innovadoras para a promoción dos produtos locais e a gastronomía como atractivo turístico; ou a aceleradora Turística TurisTalent 5.0, a única aceleradora do ámbito turístico actualmente en Galicia. Este programa, que terá a súa sede no edificio Impulso Verde, está destinado a impulsar proxectos emprendedores e innovadores no sector turístico e enogastronómico lucense. A aceleradora desenvolverase ao longo de nove meses e incluirá formación especializada, asesoramento técnico e apoio na consecución de financiamento.
Con estas iniciativas, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso coa transformación do destino turístico, apostando por un modelo baseado na sostibilidade, a innovación e a calidade, que contribúa ao desenvolvemento económico e social do municipio.