Miguel Fernández considera que “a peonalización intra muralla vai supoñer un revulsivo para o sector local e para a dinamización do tecido empresarial lucense”.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo unha xuntanza co presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, na que foi a primeira reunión institucional desde que é rexedor, co obxectivo de abordar iniciativas para o sector local ante o remate das obras de peonalización no centro de Lugo. O alcalde mostrouse convencido de que “a peonalización intra muralla vai supoñer un revulsivo para o comercio lucense e a dinamización do noso tecido empresarial”.
O rexedor municipal amosou ao tamén presidente da Federación Galega de Comercio a súa intención de seguir colaborando cos negocios lucenses de proximidade, “para poñelos en valor, co que tamén se contribúe ao desenvolvemento doutros sectores importantes na cidade”. Miguel Fernández interesouse pola situación que vive o colectivo e polas súas demandas, ao tempo que fixo fincapé na necesidade de que o Concello de Lugo e a Federación de Comercio manteñan a cooperación de cara a organización de eventos e ao impulso de campañas que dean visibilidade a un sector cada vez máis especializado e innovador e que é clave para xerar emprego no noso municipio”.