As persoas e empresas interesadas poderán presentar os seus proxectos ata o 11 de xullo a través da sede electrónica do Concello.
A convocatoria está aberta a persoas emprendedoras e empresas de todo o territorio con ideas no ámbito turístico e enogastronómico que poidan desenvolver o programa de forma presencial en Lugo.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que TurisTalent 5.0 “encaixa na nosa visión dunha cidade que aposta polo talento, a innovación e un turismo sostible e de calidade”.
O Concello de Lugo vén de publicar a convocatoria para seleccionar ata 15 proxectos innovadores nos sectores turístico e enogastronómico que participarán na aceleradora pública TurisTalent 5.0.
Esta convocatoria está dirixida a persoas emprendedoras, equipos promotores e empresas de calquera forma xurídica (incluídas persoas autónomas) de todo o territorio con dispoñibilidade para asistir ás sesións presenciais en Lugo que conten con propostas nos ámbitos turístico ou enogastronómico.
Así, todos os interesados dispoñen de 20 días hábiles (do 16 de xuño ata o 11 de xullo) para presentar os seus proxectos a través da sede electrónica do Concello de Lugo (www.lugo.gal/portal), ou de forma presencial no Consistorio, aqueles que non estean obrigados a relacionarse electronicamente.
Os interesados deben completar o anexo que figura nas bases (www.turistalent.com), que contén a solicitude de participación e a descrición do proxecto a desenvolver, unha copia do documento identificativo e a copia do NIE ou NIF da entidade e acreditación da representación legal.
Para resolver dúbidas, os interesados poden escribir un correo a info@turistalent.com ou por teléfono no 982 000 000 (de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas).
Máis información e bases íntegras: www.turistalent.com – www.concellodelugo.gal
Vantaxes e fases de TurisTalent 5.0
Os proxectos seleccionados para participar nesta aceleradora de turismo desfrutarán de diferentes beneficios: iniciativa 100 % pública e gratuíta, mentorización e formación especializada, asesoramento en financiamento e acceso a inversores, visibilidade institucional e mediática, redes de contacto co ecosistema turístico galego e nacional.
O programa conta con catro fases:
1. Academia (xullo 2025): nesta fase, os 15 proxectos seleccionados recibirán sesións de formación e mentoría personalizadas, así como networking con emprendedores e expertos sectoriais.
2. TurisTalent Day: como colofón da Academia, presentaranse os proxectos ante o Comité Técnico, que avaliará cada un deles e seleccionaranse dez para pasar á seguinte fase.
3. Aceleración (setembro-decembro 2025): traballo intensivo en escalabilidade, modelo de negocio e acceso ao mercado. Contarán con acompañamento individual de mentores e especialistas.
4. Investors Day: presentación final ante un panel de inversores públicos e privados, tanto nacionais como internacionais.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sinalou que “o obxectivo desta iniciativa é impulsar proxectos innovadores no ámbito turístico e enogastronómico, con potencial para atraer inversións e xerar impacto real no noso territorio. TurisTalent 5.0 vai permitir conectar a aqueles que emprenden con profesionais e expertos do sector, facilitando un acompañamento continuo que axude a converter as súas propostas en realidades empresariais viables. Estamos seguros de que esta iniciativa contribuirá a fortalecer a competitividade do sector turístico local, atraer visitantes e dinamizar a economía de Lugo”.
Ademais, subliñou que esta aceleradora “encaixa plenamente na nosa visión de Lugo como unha cidade que aposta polo talento, a innovación e un turismo sostible e de calidade. Animamos a todas as persoas e pequenas empresas con ideas ou proxectos a que se presenten. Queremos xerar oportunidades reais de emprendemento aproveitando todo o que nos fai únicos, como a nosa gastronomía, o noso patrimonio e o noso entorno natural”.
Sobre TurisTalent 5.0
TurisTalent 5.0 é a aceleradora pública do Concello de Lugo que impulsa proxectos de turismo e enogastronomía con alto potencial de inversión e xeración de emprego. Este programa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Et Edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía”, financiado polo Ministerio de Industria e Turismo a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a Unión Europea – NextGenerationEU.