O comité técnico de valoración, composto por técnicos municipais e representantes da Federación de Comercio e a CEL, reunirase á volta do verán.

O Concello avanza no obxectivo de dinamizar social e economicamente o barrio de maneira eficaz e controlada a través da posta en marcha deste viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus

O Concello de Lugo recibiu a través do Rexistro Xeral municipal 16 solicitudes para o aluguer dos locais comerciais da Tinería que puxo a disposición de emprendedores e empresariado da cidade co fin de dinamizar social e economicamente o barrio de maneira eficaz e  controlada, a través dun viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus. Tomando esta iniciativa, a entidade local conseguiu evitar que os 9 inmobles quedaran ao albur da especulación, pois a decisión inicial da propietaria dos mesmos, a Xunta, era poñelos en mans privadas a través dunha poxa, sen saber se realmente se ían abrir ao público, e de facelo, cando e con que uso. Ademais de no Rexistro do Concello, as peticións podían remitirse ata o 31 de xullo a través doutros rexistros, polo que cabe a posibilidade de que entren máis. O tipo de negocio das solicitudes presentadas é moi diverso, dende o comercio, formación ou deporte, a artesanía ou turismo. Unha vez pechado o prazo de presentación de solicitudes, os técnicos municipais procederán de inmediato a revisar a documentación achegada para, no caso de conter  erros, subsanalos, e logo, á volta do verán, reunirase o comité técnico de valoración, composto por seis persoas: 3 vogais nomeados polo Concello (un técnico de Urbanismo e dous do CEI Nodus); 1 vogal nomeado pola Federación Galega de Comercio; 1 vogal nomeado pola CEL e a Secretaría (secretario ou vicesecretaria do Concello). O procedemento de adxudicación será por concorrencia competitiva, en base a criterios de valoración cuantitativos e cualitativos. Os cualitativos son en función do tipo de empresas:
  • Empresas de mercado: empresario individual, sociedade anónima e sociedade limitada: 2 puntos.
  • Empresas de economía social: sociedade cooperativa, sociedade limitada laboral, fundacións e asociacións con fins comerciais: 4 puntos.
  • Proxectos empresariais que procedan de viveiros de empresas, coworkings, etc.: 1 punto, que poderá acumularse aos anteriores.
Os cuantitativos puntuaranse cun máximo 5 puntos, distribuídos do seguinte xeito:
  • Adecuación da actividade proposta ás características do local: ata 2 puntos.
  • Dinamización comercial e xeración de afluencia de público ao barrio: ata 3 puntos.
A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), e a renda será do 20% do que lle custa ao Concello o arrendamento dos locais ao IGVS. Deste xeito, a entidade local achega o 80% restante. Os importes oscilan entre os 10€ ao mes do inmoble con menor superficie aos 72€ do máis grande (IVE incluído). Toda a información sobre esta convocatoria está dispoñible na páxina web do Concello: www.lugo.gal Esta iniciativa supón revalorizar o barrio dunha maneira controlada e eficaz por medio dunha economía sostible e de valor engadido que fará atractiva a zona, non só para emprender e traballar, senón tamén para vivir, facendo posible un efecto chamada de novos residentes e empresas.
2 agosto, 2018

Presentadas 16 solicitudes de aluguer para os locais comerciais da Tinería

O comité técnico de valoración, composto por técnicos municipais e representantes da Federación de Comercio e a CEL, reunirase á volta do verán. O Concello avanza no obxectivo de dinamizar social e economicamente o barrio de maneira eficaz e controlada a través da posta en marcha deste viveiro de empresas a pé de rúa xestionado […]