As influencers galegas Laura de Santiago (@lauradesantiago), Laura Méndez (@Oystertrend)e Patricia Garcia Lema (@DonkeyCool), que suman entre as tres case 200.000 followers, foron convidadas pola Asociación de Autónomas de Lugo para facer as súas compras de San Valentín na cidade e amosarlle ás persoas que as seguen a ampla variedade de produtos e servizos que se poden atopar na capital lucense.
Ataviadas coas bolsas corporativas da marca‘Lugo éCapital’e acompañadas polo modelo Hugo Aja, as tres influencers pasearon polas rúas da cidade, visitando diversos comercios nos que probaron roupa e complementos e se informaron dalgúns dos servizos dispoñibles para gozar, coas persoas máis queridas, do 14 de febreiro.
En palabras de Marta López Yáñez, presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, “as campañas de apoio ao comercio de proximidade son importantísimas e deberían de ser constantes. O importante é que dan pé e amosan outras maneiras de aproveitar as diferentes ferramentas do mundo dixital que, como vemos, non se cinguen á apertura dunha tenda online”, argumenta.
Por outra banda, Mauricio Repetto, concelleiro de Desenvolvento Local e Emprego, apunta que a campaña é un “clara mostra” do “esforzo” que está a facer o pequeno comercio para renovarse e reinventarse.
Esta campaña enmarcase na marca ‘Lugo é Capital’, creada polo goberno municipal. O propósito é impulsar o comercio local baixo unha identidade única e xerar un sentimento de pertenza do vecindario, que axude a facilitar a implicación dos habitantes de Lugo na supervivencia do comercio local fronte ao comercio de grandes superficies e online.